Skip to main content

Capítulo I. Da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia en xeral

Artigo 1. Constitución

A Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-GAL, en diante, a Asociación) constitúese como asociación sen ánimo de lucro que se rexerá pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable, así como por estes estatutos.
A Asociación é de ideoloxía inclusiva, e está integrada por todas as persoas asociadas á Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas (AMIT, en diante así citada) residentes en Galicia que desexen participar nela, acepten os seus fins e obxectivos e asuman os dereitos e deberes como asociadas recollidos nestes estatutos.
A Asociación rexerase polos principios democráticos contidos no marco da Constitución española e no resto de ordenamento xurídico.

Artigo 2. Domicilio

O domicilio da Asociación radicará na localidade de Ferrol, na Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, rúa de Mendizábal s/n, 15403 Ferrol (A Coruña).
Este domicilio poderá ser trasladado as veces que sexa necesario, logo de acordo da Xunta Directiva.

Artigo 3. Ámbito de actuación

A Asociación exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Duración

A Asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, de conformidade con estes estatutos, pola vontade das persoas asociadas expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria, ou ben polas causas previstas na lexislación vixente.

Artigo 5. Fins da Asociación

1. Son fins principais da Asociación:
a) Promover a igualdade de mulleres e homes no acceso á investigación en todas as ramas do coñecemento (Artes e Humanidades, Ciencias, Enxeñaría, Arquitectura, Ciencias da Saúde e Ciencias Sociais e Xurídicas).
b) Sensibilizar a nosa contorna sobre as situacións de discriminación e os mecanismos que levan a ela.
c) Conseguir a igualdade de oportunidades para as mulleres investigadoras e tecnólogas nos ámbitos público e privado.
d) Elaborar recomendacións e colaborar con outras institucións e organizacións para facilitar o avance das mulleres en todas as ramas do coñecemento.
e) Promover a idea de que as mulleres e os homes son igualmente capaces de contribuíren á excelencia intelectual, científica e tecnolóxica.
f) Promover a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social.
g) Promover a integración da perspectiva de xénero nos contidos da ciencia, a investigación, a tecnoloxía e a docencia, así como na súa difusión, como elemento fundamental para acadar a excelencia neses campos.
h) Traballar para incrementar o número de mulleres na ciencia e na tecnoloxía, en todos os niveis de formación e exercicio profesional, no ámbito das universidades, os organismos públicos de investigación (Consello Superior de Investigacións Científicas e outros) e as empresas e institucións.

2. Para levar a cabo os seus fins a Asociación poderá organizar as seguintes actividades:
a) Deseñar e divulgar estratexias para eliminar as desigualdades de xénero en todos os ámbitos do saber. Divulgar información sobre as pautas seguidas en países da nosa contorna, e outros tecnoloxicamente máis avanzados, así como sobre os recursos utilizados en ámbitos científicos para romper barreiras e teitos limitadores.
b) Reclamar a paridade en tribunais e comités de selección que adxudiquen postos de traballo ou resolvan promocións no ámbito público ou privado da investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico, para que na súa composición ningún sexo teña unha representación inferior ao 40%. En caso de non existir suficiente número de persoal cualificado dalgún dos sexos na institución ou escala correspondentes, para que se convide a membros doutras institucións nacionais ou europeas.
c) Recomendar aos tribunais, comités de selección e xestores que se considere desexable, sen detrimento da excelencia, que o número de mulleres e homes que obteñan un posto reflicta as proporcións de ambos os sexos no colectivo solicitante.
d) Participar con outras organizacións na defensa dos dereitos das mulleres e a súa plena integración laboral e social en todas as áreas de investigación.
e) Colaborar coas administracións, institucións e fundacións nacionais e internacionais á procura de apoios para os nosos fins.
f) Participar, en todas as ocasións en que se considere oportuno, en accións colectivas en defensa dos dereitos das mulleres en ciencia e tecnoloxía.
g) Constituír na nosa comunidade autónoma redes de apoio e asesoramento a todas as científicas e tecnólogas para evitar ou denunciar a discriminación, a marxinación, a manipulación e o acoso laboral ou sexual.
h) Fomentar na nosa contorna a visión neutra, non sexista, da ciencia, o seu desenvolvemento e as súas aplicacións, mediante a difusión destas ideas nos medios de comunicación.
i) Colaborar nos ámbitos autonómico, nacional e internacional para avanzar en aspectos educativos da ciencia e a investigación sen nesgos de xénero.
j) Facer propostas á AMIT no tocante ao nomeamento de socias ou socios ad honorem como unha distinción especial para aquelas persoas que polo seu prestixio contribuísen de modo relevante aos fins ou á dignificación da Asociación.

Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre as persoas asociadas nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Capítulo II. Das asociadas

Artigo 6. Das asociadas

Poderán ser integrantes da Asociación todas aquelas persoas socias da AMIT residentes en Galicia, que acepten os fins e obxectivos establecidos no artigo 5.º destes estatutos, asuman os dereitos e deberes como asociadas recollidos nestes statutos e aboen a cota correspondente á AMIT (á cal se lle pagará directamente).
Será requisito imprescindible para formar parte da Asociación estar realizando ou ter realizado traballo de carácter investigador, docente, tecnolóxico ou de xestión en calquera das ramas do coñecemento.

Artigo 7. Perda da condición de asociada

1) A condición de asociada perderase polos seguintes motivos:
a) Por vontade propia.
b) Por falta de pagamento de tres cotas á AMIT.
c) Por incumprimento das súas obrigas ou a realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da Asociación, logo de expediente disciplinario, con audiencia da interesada.
d) Por falecemento.

2) A expulsión de asociadas nos supostos dos apartados b) e c) do parágrafo anterior será acordada pola Xunta Directiva, logo de audiencia á interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado en Asemblea Xeral Extraordinaria, e contra a súa resolución poderá recorrerse ante a xurisdición ordinaria.

Artigo 8. Dereitos das asociadas

As asociadas teñen os seguintes dereitos:
a) Participar nas actividades da Asociación e nos seus órganos de goberno e representación, exercer o dereito de voto e asistir á Asemblea Xeral, de acordo con estes estatutos.
b) Ser informadas da composición dos órganos de goberno e representación da Asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
c) Ser oídas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas, e ser informadas dos feitos que dean lugar ás ditas medidas. O acordo que, no seu caso, impoña a sanción deberá ser motivado.
d) Impugnar os acordos dos órganos da Asociación que estime contrarios á lei ou a estes estatutos.
As asociadas ou asociados ad honorem da AMIT residentes en Galicia están facultadas/os para asistiren ás asembleas xerais con voz, pero sen voto. Non intervirán na dirección da Asociación nin nos seus órganos de representación.

Artigo 9. Obrigas das asociadas

As asociadas teñen as seguintes obrigas:
a) Compartir os fins da Asociación e colaborar para a súa consecución.
b) Pagar á AMIT as cotas que se establezan. As asociadas e asociados ad honorem están exentas/os do pagamento das cotas.
c) Desempeñar os cargos para os que foron elixidas.
d) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da Asociación.
e) Acatar o contido destes estatutos.
f) Ter unha boa conduta individual e cívica.

Capítulo III. Dos órganos da Asociación

Artigo 11. A presidenta

1. A presidenta da Asociación será designada pola Asemblea Xeral entre as socias, e o seu mandato terá tres anos de duración. Será asistida nas súas funcións por unha vicepresidenta, que a substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

2. A presidenta terá as seguintes atribucións:
a) Representar a Asociación ante calquera organismo público ou privado.
b) Convocar e presidir as sesións da Xunta Directiva; presidir as sesións da Asemblea Xeral; dirixir as deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade, no caso de empate.
c) Executar os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
d) Ordenar os pagamentos acordados validamente.
e) Asinar as actas, os certificados,os pagamentos e outros documentos da Asociación xunto coa secretaria ou a persoa da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

Artigo 12. Xunta Directiva

1. A Xunta Directiva estará formada pola presidenta da Asociación, unha vicepresidenta, unha secretaria, unha tesoureira e tres vogais.

2. Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a que as persoas que os desempeñen vexan reembolsados os gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa Asociación.
As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola Asociación.

3. A Asemblea Xeral será o órgano competente para elixir os cargos da Xunta Directiva. A Xunta Directiva será elixida por un período de tres anos, e só poderá ser reelixida unha vez.

4. Os membros da Xunta Directiva cesarán na súa función polos seguintes motivos:
a) Falecemento.
b) Renuncia voluntaria.
c) Transcurso do prazo para o que foron elixidos.
d) Acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por 2/3 das asociadas reunidas en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.
A renuncia e o transcurso do prazo non darán lugar ao cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ao día da sucesora.
As vacantes que se puidesen producir durante o mandato de calquera das persoas que constitúan a Xunta Directiva serán cubertas provisoriamente entre os membros da propia Xunta Directiva, ata a elección definitiva dun novo membro pola Asemblea Xeral.
En calquera caso, a Xunta Directiva debe estar integrada como mínimo por tres persoas, que exercerán as funcións de presidenta, secretaria e tesoureira.

Artigo 13. Atribucións da Xunta Directiva

a) Representar de xeito permanente os intereses da Asociación en Galicia, de acordo coas directrices adoptadas pola Asemblea Xeral.
b) Manter as relacións coa Xunta Directiva da AMIT, co fin de informar de xeito periódico, das actividades realizadas, as propostas, os acordos e o estado de contas da Asociación.
c) Designar a persoa que representará a Asociación na Xunta Directiva da AMIT.
d) Programar e dirixir as actividades asociativas.
e) Levar a xestión administrativa e económica da Asociación.
f) Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
g) Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.
h) Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación.
i) Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
j) Propoñer o plan de actividades da Asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
k) Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.
l) Aquelas que non veñan atribuídas expresamente á outro órgano da Asociación.

Artigo 14. Convocatoria e sesións da Xunta Directiva

a) A Xunta Directiva será convocada pola presidenta, por iniciativa propia ou por petición de calquera das súas compoñentes.
b) A Xunta Directiva reunirase de maneira presencial ou por medios electrónicos un mínimo de dúas veces ao ano.
c) Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos das asistentes. Será necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos membros e, en todo caso, da presidenta ou vicepresidenta e a secretaria ou a persoa que a substitúa.
d) A secretaria ou, no seu defecto, a vogal que a substitúa, redactará a acta das sesións.

Artigo 15. Comisións delegadas da Xunta Directiva

Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións necesarias. Formarán parte das ditas comisións o número de asociadas que acorde a Xunta Directiva, por proposta das respectivas presidentas.

Artigo 16. A secretaria da Xunta Directiva

1. A secretaria levará o ficheiro de asociadas, de forma coordinada coa secretaria xeral da AMIT, e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da Asociación. Correspóndelle notificar calquera convocatoria, custodiar as actas e expedir as certificacións destas co visto e prace da presidenta, así como redactar, conxuntamente coa presidenta e a vicepresidenta, as actas da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva
2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade da secretaria, a presidenta designará entre as vogais unha que desenvolva esta función.

Artigo 17. A tesoureira

1. A tesoureira recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida a presidenta, levará a contabilidade da Asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, así como tamén elaborará o borrador de orzamentos da Asociación e as contas de resultados e balances.
2. A tesoureira ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario, co fin de que as contas estean á disposición das membros da Asociación nos quince días anteriores á celebración da Asemblea Xeral Ordinaria.

Artigo 18. As vogais

As vogais terán as seguintes atribucións:
a) Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
b) Desempeñar os traballos que lles sexan encomendados pola Xunta Directiva.

Artigo 19. A Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral é o órgano de expresión da vontade da Asociación, e estará formada por todas as persoas que a integren. A presidenta e a secretaria da Asemblea serán a presidenta e a secretaria da Xunta Directiva.

Artigo 20. Convocatoria da Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou por solicitude dun terzo das socias. Neste último caso, a dita solicitude realizarase por medio de escrito dirixido á presidenta, autorizado coas sinaturas das persoas que o solicitan, en que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.
Tanto a Asemblea Xeral Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación pola presidenta da Xunta Directiva. A notificación a todas as socias farase por escrito ou correo electrónico.

Artigo 21. Competencias da Asemblea Xeral Ordinaria

a) Aprobar o plan de actividades.
b) Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
c) Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.

Artigo 22. Competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria

a) Modificar os Estatutos da Asociación.
b) Elixir e cesar ás integrantes da Xunta Directiva.
c) Aprobar a federación ou integración outras asociacións nacionais ou internacionais.
d) Acordar a disolución da Asociación.
e) Ratificar a expulsión de asociadas por proposta da Xunta Directiva.
f) Aprobar o regulamento de réxime interno da Asociación.
g) As que, sendo de competencia da Asemblea Xeral Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar a súa convocatoria, sen grave prexuízo para a Asociación.
h) Todas aquelas que non fosen conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou á Xunta Directiva.

Artigo 23. Constitución e desenvolvemento da Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis unha das persoas asociadas na primeira convocatoria, ou transcorrida media hora, en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes. En todo caso, deberá contar coa presenza da presidenta ou vicepresidenta, e a secretaria ou a persoa que a substitúa.
As sesións abriranse cando así o determine a presidenta. Seguidamente procederase por parte da secretaria á lectura da acta da asemblea anterior que deberá ser aprobada.
Posteriormente, a secretaria procederá a presentar a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda, para deseguido pasar ao debate e a aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.

Artigo 24. Adopción de acordos

Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple das socias asistentes ou representadas, excepto os relativos aos apartados do a) ao f) do artigo 22, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación redactarase a acta correspondente, que asinarán a presidenta e a secretaria da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión que convoque a Asemblea Xeral e aprobada pola maioría das membros presentes.

Artigo 26. Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral

A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Capítulo IV. Réxime económico

Artigo 27. Patrimonio fundacional

A Asociación dispón dun patrimonio de cero euros no momento de iniciar as súas actividades.

Artigo 28. Exercicio económico, orzamento e contabilidade

a) O exercicio económico coincidirá co ano natural: comezará o 1 de xaneiro e o seu peche terá lugar o 31 de decembro.
b) A Asociación funcionará en réxime de orzamento anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos.
c) O borrador de orzamento será elaborado pola tesoureira da Asociación, para que poida ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.
d) Anualmente, con referencia ao ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria. A dita memoria será posta á disposición das asociadas, durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.

Artigo 29. Recursos económicos

A Asociación manterase cos seguintes recursos:
a) Os fondos que proveñan da AMIT para o seu funcionamento.
b) As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
c) Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da Asociación.
d) Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Capítulo V. Do regulamento de réxime interno

Capítulo VI. Modificación dos Estatutos e disolución da Asociación

Artigo 33. Modificación dos Estatutos

Os Estatutos só poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto, adoptado por dous terzos das asociadas. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.

Artigo 34. Disolución

A Asociación disolverase voluntariamente por acordo das asociadas adoptado por dous terzos das asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.

Artigo 35. Liquidación

a) Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará tres asociadas liquidadoras, que xunto á presidenta e a tesoureira, procederán para efectuaren a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.
b) O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na Comunidade Autónoma de Galicia que teña uns fins iguais ou similares aos desta asociación.
c) O xustificante da doazón será presentado no rexistro de asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.